Os montes en mancomún: o valor dos recursos comunitarios.

Galiza-Portugal, País Leonés (Llión, Zamora, Salamanca), Extremadura, Miranda.

Convocatorias Occidente
Avatar de Usuario
regue
Mensajes: 2069
Registrado: 30 Mar 2005, 01:33
Contactar:

Os montes en mancomún: o valor dos recursos comunitarios.

Mensaje por regue » 03 Oct 2009, 11:19

Os montes en mancomún: o valor dos recursos comunitarios.

O Couzadoiro (Ortigueira) contén as parroquias de San Cristovo e San Salvador, onde o despoboamento, o envellecemento e a dispersión poboacional, características do rural galego, atópanse perigosamente acentuadas. Dende hai anos, e cada vez a maior ritmo, o progresivo abandono do pastoreo foi tornando en facilidades para a apropiación estatal dos montes en mancomún, o que sucedeu tamén con moitos privados. Tres amigos Fran, Txema e Juanjo, xuntáronse “por descarte” como eles din, porque eran os que tiñan ganas de meterse nesta angueira de recuperar o monte para os veciños.
Na conversa, aquí resumida, reclámase o papel central dos recursos compartidos no rural galego. Frecuentemente sitos en espazos naturais de titularidade veciñal e comunitaria, supoñen un desafío a unha lóxica política e de mercado ancorada no círculo vicioso do poder e a acumulación; tamén unha oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico das zonas máis esquecidas. Por iso animamos a que esta iniciativa se repita noutras aldeas e parroquias de Galicia.


Para comezar, vós de quen vindes sendo?


Nós somos 3: Fran Rapa (profesor da ESO, na actualidade en Cedeira), José Manuel Sierra (Txema, estudante de Xeografía en Compostela) e Juanjo Lorenzo (estudante de doutoramento na Facultade de CC da Educación); a vinculación con Couzadoiro é familiar en principio, tamén ideolóxica acompañando unha maneira de estar no mundo e de entender a relación coa natureza...


Por que ese interese no monte?

Os montes en mancomún supoñen un recurso específico e particular do país, como tradicionalmente sucedía tamén coa xestión doutros como as comunidades de augas ou de terras. Así que decidimos comezar a falar cos vellos por ver de recuperarmos os montes, non tanto por recuperar uns recursos, como pola revalorización do rural en si mesmo.


Contádenos como foi o proceso.

Comezamos coa visita aos veciños casa por casa para informalos, tentando implicar a todos. A posibilidade dunha comunicación persoal, -xa que “por medio da familia todos nos acabamos coñecendo”-, e a invitación en cada casa a tomar os “chupitos” de guinda -que tantos estragos causaron en tempos nas comisións de festas da Galicia rural- permitiu mobilizar a toda a comunidade e canalizar todas as ideas e opinións. Unha vez prendida a mecha, -o éxito na concienciación sobre a xustiza de xestionar veciñalmente os recursos comunitarios acadouse con información directa, personalizada e comprensible-, estourou o intercambio cotián de información entre os escasos 200 veciños, que polo xeral superan os 60 anos: son os que coñecen os usos que se facían do monte e os que achegarán documentación e testemuñarán para xustificar o carácter histórico deses montes como de uso comunal. Á parte de recoller historias persoais, denuncias de saídas de madeira continuas sen factura e outras falcatruadas que perviven nestes tempos, a temática central dos encontros -primeiro casa a casa e logo nas asembleas-, versaba sobre o parque eólico unitario sito na serra da Faladoira, no chamado Coto de Roca, pola dimensión económica dunha produción neta estimada en 9835,8 MWh/ano e polo impacto ambiental e paisaxístico.


Menudo traballo! E logo da información porta a porta, dicides que tivestes asembleas?

Certo. Celebramos reunións abertas con persoas expertas nas diversas fases: a avogada, un enxeñeiro de montes ao tempo que presidente e cofundador dunha xunta reitora de comuneiros con varios anos de andadura... Este momento inicial levou aparellado tamén a achega económica que cadaquén considerase, cun mínimo de 20 euros por casa e co obxectivo de acadar unha cantidade conxunta de 3000 euros para a contratación da representante legal, o que foi á vez un modo de integración dos veciños das dúas parroquias. A participación, tanto nas reunións como na achega de cartos, tomando como unidade de medición a casa, foi case plena. No camiño percorrido, reconfortante aínda que curto -pensando no que queda pese a 2 anos de andadura-, salienta como máis positivo o reartellamento comunitario.

Neste momento, en que vos centrades?

Pois foron presentadas as reclamacións oportunas para a recuperación da titularidade dos montes, actualmente nas mans dun concello de Ortigueira activamente oposto á súa devolución, “debido aos beneficios que tira do seu aproveitamento eólico e madeireiro pero que rara vez reverten nas nosas parroquias”, di Juanjo.


Vexo que, polo de agora, todos amigos. Que vai pasar cando xa haxa cartos para repartir?

Moita xente pensa que cando comecen a chegar os cartos dos eólicos as boas intencións vanse esvaecer. Pero o certo é que, hoxe por hoxe, a asemblea decidiu reverter o 100% en melloras para todos os habitantes do Couzadoiro, por exemplo, garantindo a auga comunitaria de balde, que non chega ás casas sitas nos puntos de maior altitude. É chocante que arredor do 90% do territorio vén sendo ocupado por un terzo da poboación, a rural, polo que é lóxico que os recursos naturais se atopen na súa meirande parte aquí, aínda que tanto en consumo como en rendibilidade o seu aproveitamento sexa maioritariamente urbano.


Así que o camiño foi laborioso pero sen problemas...

Ui, malia á implicación dos veciños tamén houbo atrancos, pois para cumprir cos trámites lexislativos, víronse na obriga de realizar a reclamación a nivel parroquial ao non estar deslindados os montes de San Salvador -o que custaría 300 euros por hectárea, para case 700 ha- Daquela, o proceso iniciouse en San Cristovo coa idea de que, unha vez recadados algúns ingresos dos eólicos, se clasifique o monte da parroquia veciña.


Estamos a falar de que xente dunha parroquia pon cartos para beneficiar á veciña, coa confianza de que logo a acción comunitaria ha reverter neles... Abraiante. E cando xa obteñades ingresos do monte, como pensades organizar a xestión dos recursos?

Chegados a este punto, cómpre crear unha listaxe de comuneiros -segundo a lei, aqueles con “casa aberta con lume e fume” cun mínimo de “6 meses ó ano durmindo” nela-. Son quen pode xestionar os cartos e destinalos -se así o deciden- a traballos de limpeza de estradas e camiños, ás festas ou á restauración de vivendas, a maquinaria agrícola comunitaria ou a revalorización de bens agrícolas ou patrimoniais da zona, a promoción dunha progresiva substitución das plantacións de eucalipto, etc., poñendo o acento na conservación do entorno natural. Con esta idea abordamos o proxecto.

Pero... por esa definición de comuneiro que fas, ningún dos tres que argallastes todo isto poderiades formar parte desa listaxe.


Non, claro, pero iso tamén nos dá forza moral ante a xente, xa que nosoutros non podemos sacar tallada.

Para rematar, que valorades como o beneficio máis salientable deste proceso?

Falar de montes comunais pode orixinar conflito cos políticos, que se fan cos recursos para obter beneficios para o concello e mesmo particulares, sobre todo naquelas comunidades sen xunta reitora, responsable do aproveitamento dos montes en mancomún. Se falamos dun beneficio para as comunidades rurais, o risco de disputas e conflitividade aumenta na medida en que falemos de máis ou menos cartos. Pero a xustificación non só é material, debe considerarse en clave humana, derivada dun encontro, dunha causa común, que constitúe en si mesma unha estratexia de empoderamento e unha toma de conciencia do propio nun mundo global tendente á uniformización cultural e identitaria. Nunha época caracterizada pola falta de pensamento crítico e a aceptación submisa das desigualdades -neste caso xeoespaciais- xorde a necesidade de “deconstruír” certos significados ligados aos modos de vida e tomar conciencia do común, procurando unha defensa micropolítica (sen agardar por grandes solucións globais) do rural galego.
vieiros.com/nova/76575/os-montes-en-mancomun-o-valor-dos-recursos-comunitarios

[Traducción al castellano]
<<Todas as coisas já foram ditas, mas como ninguém escuta é preciso sempre dizer de novo.>>André Gide

Responder