Reflexións sobre a enerxía eólica en Galiza

Galiza-Portugal, País Leonés (Llión, Zamora, Salamanca), Extremadura, Miranda.

Convocatorias Occidente
Responder
Avatar de Usuario
lps
Mensajes: 151
Registrado: 27 Abr 2006, 14:06

Reflexións sobre a enerxía eólica en Galiza

Mensaje por lps » 30 Dic 2008, 14:25

Reflexións sobre a enerxía eólica en Galiza

O modelo de sociedade actual susténtase sobre o consumo, e dentro das súas diferentes vertentes, de maneira destacada, sobre o consumo enérxético. O noso modo de vida precisa do emprego da enerxía provinte de diferentes fontes como os combustibles fóseis (petróleo, carbón, gas), auga, sol, vento, etc.
O progresivo esgotamento dalgunhas das fontes enerxéticas máis empregadas unido a un exponencial incremento do consumo mundial e ós importantes problemas ambientais xerados pola produción convencional de enerxía, propiciaron a procura de novas alternativas enerxéticas.
Así, as enerxías renovables aparecen como unha solución perante a crise ambiental e enerxética mundial; e dentro das renovables, a que está a acadar maior importancia é a enerxía eólica.

Galiza é un dos exemplos máis relevantes do tremendo salto cuantitativo e cualitativo experimentado por esta fonte enerxética nos derradeiros anos.
Fagamos un exercicio de abstración e imaxinémonos que no ano 1995 unha persoa nova, nada no concello de Muras na Comarca da Terra Chá, tivese que emigrar, como tantas outras persoas, para traballar na hostalería no val de Arán ou na construción nas illas Canarias. Pois ben, se agora, e como consecuencia da crise económica, esta persoa decidise regresar, probablemente non recoñecería á súa terra natal.

No Concello de Muras hai un total de 18 parques eólicos con centenares de aeroxeradores asociados. As montañas da Serra do Xistral (incluídas por certo dentro da rede Natura 2000) que atesouran unha importantísima riqueza medioambiental e social, contan con varios parques eólicos cos respectivos aeroxeradores, subestación e pistas, que racharon coa súa riqueza senlleira exemplificada nas turbeiras.
Pero como pode ser posible que en tan só 13 anos ocorrese este cambio tan drástico no Concello de Muras?

Como a enerxía eólica puido pasar de ser algo case inexistente a convertir a Galiza nunha das grandes potencias mundiais na produción?
Para darnos conta da magnitude que acadou a xeración de enerxía eléctrica mediante aeroxeradores no noso territorio resulta de interese coñecer algúns dados:

• Na actualidade hai máis de 130 parques eólicos en Galiza.
• Estes parques contan cunha cantidade de aeroxeradores que está perto dos 4.000.
• A potencia instalada en Galiza é de case 3.000 MW.
• Galiza era no ano 2007 a sexta potencia eólica mundial.
• Coa adxudicación de 2.325 MW do concurso eólico e contando outros MW pendentes de instalar, agárdase acadar os 6.500 MW de potencia no ano 2012.

Imagen
Fonte: Revista Energías Renovables. Marzo 08.

Este grande medre da enerxía eólica pode plantexarse de maneira isolada como algo positivo, xa que a enerxía eólica provén dunha fonte enerxética renovable (e mesmo “limpa” segundo algúns autores). Sen embargo, e para analizar esta produción é preciso contextualizar a enerxía eólica dentro do modelo de produción e consumo actual, que non é outro que o modelo de produción e consumo enerxéticos capitalista. As premisas sobre as que se sustenta este modelo e as súas consecuencias sociais, ambientais e económicas, teñen que ser o obxecto principal de reflexión e debate por parte dos movementos sociais.
Hai que ter en conta que a enerxía eólica que se produce en Galiza e no resto do estado, xerase co obxectivo de sumarse, non de substituír, ás outras fontes enerxéticas convencionais. Segundo os dados do Informe de Sostenibilidade en España 2006, o consumo de enerxía multiplicouse no estado español por 2,5 entre 1973 e 2005. Ademais hai que ter en conta que no ano 2006 un terzo da enerxía eléctrica que producida en Galiza vai directamente cara a outras rexións.

As consecuencias da posta en marcha de instalacións destinadas á produción de enerxía eólica poden ser de diversa índole.
Impacto visual. Para entender o impacto visual dun parque eólico resulta interesante coñecer un exemplo real. Un aeroxerador de 660 kw de potencia (hoxe en día estanse instalando aeroxeradores de 2.300 kw) ten as seguintes características:
Tamaño de torre: 45 m
Peso da torre: 32.000 kg
Medida das pas: 22,5 m
Peso das pas: 1.800 kg
Peso da góndola: 20.400 kg
Peso total da máquina: 63,900 kg (con tódolos compoñentes internos)

Como podemos entender unha estrutura de case 70 metros contando coas pas (ou de máis de 90 nos aeroxeradores máis modernos) ten un importante impacto visual. Ademais os aeroxeradores soen estar instalados nos cumios dos montes o que pode acentuar este impacto.

Apertura de pistas: Para poder transportar as inmensas moles que son os aeroxeradores, resulta necesario a apertura de pistas que teñen un impacto importante no entorno e na fauna salvaxe. Por outra banda, onde antes só se podía acceder tras varias horas de intensa camiñada, agora pódese chegar en coche en apenas uns minutos co conseguinte prexuízo para a biodiversidade. Nalgúns lugares como a Serra do Xistral ou o Suído, leváronse a cabo verdadeiras atrocidades ambientais.

Mortalidade aves: A acción das pas pode afectar, como aconteceu recentemente na Serra do Suído, ó tránsito das aves rapaces en perigo de extinción.
Contaminación lumínica: Lugares onde non existía ningún tipo de contaminación lumínica vense afectados polas luces intermitentes existentes nalgúns aeroxeradores.
Contaminación electromagnética: Para evacuar a produción eléctrica, unha liña de media tensión vai soterrada a 1,5 metros de profundidade comunicando os aeroxeradores a unha subestación.

Impacto social: Os nosos cumios forman parte da nosa identidade. Cada penedo, cada recuncho e cada rego ten un nome, unha historia e unhas utilidades no rural e cos parques eólicos parte desa creación colectiva pode esvaecerse.
A destrución do entorno e da paisaxe ten un efecto perverso en canto á perda de identidade.

Outro aspecto fundamental consiste no custe de oportunidade de non realizar outras actividades tradicionais. Onde hai un parque eólico estase deixando de realizar en potencia outras actividades que poderían ser máis respectuosas co entorno e favorecer o desenvolvemento do rural.

Voltando ó principio do texto, resulta evidente que existen importantes razóns para que o desenvolvemento da enerxía eólica fose tan espectacular, ten que haber circunstancias que favorezan a expansión desta enerxía en Galiza..
En primeiro lugar o marco regulador ten moita importancia. As CCAA, a Xunta neste caso, conta coas competencias para a regulación desta fonte enerxética. Dende o primeiro Decreto Eólico (205/95), a Xunta outorgou as concesións eólicas de maneira gratuíta e infinita no tempo. Vexamos, no caso dun encoro a concesión é por un tempo determinado e finito, sen embargo ó falar dos parques eólicos, a concesión non ten un límite temporal, e a empresa concesionaria non tributa pola obtención da concesión.
Cando a xunta autoriza un parque eólico, ésta recoñece a utilidade pública da instalación e a súa prevalencia sobre outros usos tradicionais ou futuríbeis. A partires de aí, pode comezar o proceso expropiatorio se as persoas afectadas non chegan a un acordo coa empresa promotora.

Nos DOGs, cando se declara a utilidade pública dun parque eólico, soe aparecer este parágrafo:
“Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico xxxx, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa”.

Por outra banda, non hai que esquencer que as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) son un dos principais axentes afectados polos parques eólicos en Galiza. As CMVMC constitúen ó redor de 3.000 unidades produtivas comunitarias que ocupan en torno ás 700.000 hectáreas, en torno á cuarta parte da superficie de Galiza. A existencia de varios casos de expropiacións de monte comunal e a primacía dos parques eólicos de titularidade privada sobre as CMVMC, demostran do lado de quen está a administración e a xustiza.

Ademais se analizamos os promotores eólicos existentes en Galiza podemos darnos conta rapidamente de que moitos deles son grandes empresas e multinacionais que non operan no mercado da enerxía e sen embargo sí o fan no mercado eólico. Por que sucede isto?
Pois nin máis nin menos que pola rendibilidade dos parques eólicos. Un parque eólico de perto de 50 MW de potencia instalada puido facturar aproximadamente no ano 2006 uns 11 millóns de euros (tendo en conta o prezo medio de MWh/ano do 2006 e unha produción anual de 2.400 MWh/ano).

Desta facturación, unha porción moi pequena está a permanecer nas áreas afectadas, co que os propietarios están a quedar fóra do negocio eólico. Ademais os postos de traballo que permanecen despois de levantarse o parque son moi poucos e as actividades tecnolóxicas de maior valor engadido estanse a realizar fóra de Galiza.

En definitiva, a enerxía eólica é necesaria e comparativamente, moito mellor que outras fontes enerxéticas. Sen embargo, baixo o paraugas das enerxías renovables e co amparo da administración, estanse a acubillar e a lucrar os especuladores responsables da destrución do territorio galego e do noso medio rural.

Grupo Axitación Social
Última edición por lps el 01 Ene 2009, 18:31, editado 1 vez en total.
Gasto Militar para o 2010: 23.115,03 millóns de euros. O que fai un 12,47 % dos Orzamentos Xerais do Estado.

Avatar de Usuario
perroviejo
Mensajes: 485
Registrado: 10 Mar 2008, 15:05

Re: Reflexións sobre a enerxía eólica en Galiza

Mensaje por perroviejo » 31 Dic 2008, 12:56

Opa!

Co teu permiso colgo isto en www.reganosademolizon.org
Imagen

Responder