Outro Foro Social é posibel. Apontamentos para un debate..

Galiza-Portugal, País Leonés (Llión, Zamora, Salamanca), Extremadura, Miranda.

Convocatorias Occidente
Responder
Avatar de Usuario
perroviejo
Mensajes: 485
Registrado: 10 Mar 2008, 15:05

Outro Foro Social é posibel. Apontamentos para un debate..

Mensaje por perroviejo » 20 Dic 2008, 13:13

Texto de www.reganosademolizon.org

Outro Foro Social é posibel.

Apontamentos para un debate necesario.

Levo un tempo seguindo con certo interese, a pesares do meu excepticismo, o proceso de criación deste Foro Social Galego e outros chamados a “establecer alianzas” que nos chegaron por outros meios. Sendo partidario, como son, da coordinación horizontal e de establecer alianzas e tender pontes entre movimentos sociais non podo menos que prestarlles atención.

Voume referir a varios textos aparecidos na rede e a unha publicación ampliamente difundida durante o transcurso do FSGal. Recomendo a leitura dos mesmos, dado que son esenciais para comprender de que estamos a falar. Os textos son os que seguen:

1) U-los movementos sociais galegos.
2) O Foro Social Mundial ” ficha” a Beiras para o seu consello.
3) FSGal: alianzas e movilización para 2009.
4) Movimentos sociais galegos, da reflexión á acción conxunta, por unha autoconvocatoria posivel.
5) Chamamento aos movimentos sociais para establecer unha “Alizanza Galega por unha Europa social“.

A publicación a que me refiro e o Altermundo Nº 19 - Especial ” I Foro Social Galego”.

Infiltración política nos movimentos sociais: un atranco á horizontalidade.

Coa transacción democrática, determiñados ” lideres obreiros e sociais” comezaron a empregar estes movimentos como catapulta das súas respeitivas “carreiras políticas”, e os partidos “democráticos” comezaron a empregar a estes individuos para revaroliza-las súas listas electorais.
O resultado desta infiltración política é evidente: desencanto por parte da xente de a pé que participa destes movimentos, ao ver que as súas demandas son reconducidas con claros fins eleitoralistas, chegando case a desaparecer estes movimentos durante as décadas pasadas.
Xa nesta década, co atentado do Prestige, vimos como o BNG e mailo PSOE afogaron á Plataforma Nunca Máis e o movimento contra a guerra, despois de empregala para facer oposición e chegar ao goberno por meio da campaña ” Hai que botá-los” ( Aquí quedou claro o papel d@s intelectuais de turno, salvo contadas e honrosas excepcións. Case tod@s se colocaron coa chegada do bipartito, e calaron…), unha vez no goberno adicaron-se a fazé-la política continuista que reiteradamente se está a denunciar dende a Rede Galiza Non Se Vende.
De facto, a RGNSV, artellou-se de modo que partidos e sindicatos quedasen excluídos da mesma, o que non quer dizer que esta rede esté exenta de infiltración política, xa que estes/as están infiltrad@s nos movimentos de base que a conforman, como é o caso do Comité Cidadán de Emerxencia, que xa foi denunciado dende esta páxina en numerosas ocasións.

O protagonismo de Beiras: A conto de qué?.

Sorprendeume ver que Beiras, que forma parte do Consello do FSGal a pesares de estar inscrito a título individual ( ver aquí ), tiña un lugar reservado na mesa que presidía o plenario. A santo de qué?.
Pois a santo de que Beiras, dende que renunciara a apresentar-se na candidatura do seu partido á xunta, está adicando-se a ampliar curriculum fazendo de ” correa de transmisión” dos intereses do BNG entre os movimentos sociais. Iso si, faino disimuladamente, consciente do descontento para/có seu partido. A saber: preside a Fundación Galiza Sempre, está no Consello do FSGal, no consello do FSM, no Consello de redacción de Altermundo ( da que necesariamente falaremos logo), e varias cousas máis.

Altermundo.

É unha publicación autodefinida como ” suplemento horizontal” e que se publica en Galicia Hoxe ( do grupo correo) o derradeiro domingo de cada mes. O feito de ser ” horizontal” non lle impide ter ” director” e ” subdirector”, nin que Beiras esté no ” consello de redacción”. Esta publicación tirou no seu nº 19 un especial ” I Foro Social Galego” no que entrevistan a Beiras ( unha vez máis) e reúnen a unha serie de individuos aos que consideran ” parte das voces máis perspicaces do altermundismo de aquí e de acolá…”
É curioso que sexa unha suposta organización ” Altermundo”, presente como tal no consello do FSGal, a que, entre outras, nos convoque a unha ” Alianza Galega por unha Europa Social”, ” unha autoconvocatoria posibel”. ” Posibel” e do máis ” horizontal”, polo que vexo.

Altermundismo e postaltermundismo.

Nesta publicación da que estou a falar, e da man dos nosos xa vellos coñecidos Ramonet e máis Cassen deduzco que cousa son os cacarexados Altermundismo e Postaltermundismo que nos propoñen o ” director” da publicación e máis Beiras dende as súas páxinas: ” Tratase de procurar xeitos de articulación entre movimentos sociais, forzas políticas e gobernos progresistas“.

Horizontalidade?.

Queda claro que horizontalidade é algo moi diferente do descrito ate o de agora. Un proceso horizontal nada ten que ver con ese proceso que comezou co Foro Social Mundial de Porto Alegre e que agora pretenden afianzar en Galiza por meio do FSGal e no mundo co próximo FSM que terá lugar en Belem do Para en 2009.
A horizontalidade debe consolidarse a nivel local para fazerse representativa a outros niveis, sempre por meio de delegados revocabeis escollidos en asembleas. O resto é encherse a boca con bonitas palabras.

Un diagnóstico dos movimentos sociais.

Un diagnóstico dos movimentos sociais poido fazé-lo eu do mesmo modo que pode fazé-lo calqueira que participe nalgún: a propaganda sistémica ( capitalista, consumista, individualista e competitiva) non favorece o asociacionismo. Amais, as infiltracións políticas e de interesad@s levaron aos movimentos sociais a súa práctica extinción. A calidade dos mesmos tamén diminuiu, con esqualidas reivindicacións e ” alternativas light”, dentro do propio sistema capitalista.

Está claro que somos pouc@s para moitos frentes, estamos atomizad@s e desunid@s. Nisto coincido con varios dos textos mencionados. Máis engadiría eu que a práctica desaparición dos nosos movimentos nas décadas pasadas ( 80´s e 90´s) propiciou que a xente que os conformamos estemos pouco formad@s e, polo tanto, sexamos mais manipulabeis por parte d@s activistas profisionais da política que se moven a golpe de eleizons e subvencións. Falla formación, tanto no tema da autoxestión como na tan recurrida ” horizontalidade”.

Como dicía: Outro Foro Social é posibel.

Son múltiples as plataformas para protestar contra isto ou aquilo, ou para promover esta ou aquela alternativa. RGNSV, Plataforma Galega Antitransxénicos, iniciativa pola soberanía alimentar...
A maioría das organizacións presentes nestas redes e plataformas son as mesmas, e é certo que se bota en falla un foro que reúna demandas e alternativas, máis non para esixir-lles aos gobernos que ” tomen medidas”, senón para impor as iniciativas sociais, pois os intereses d@s polític@s distan moito dos intereses d@s seus/súas representad@s. Isto demonstrano constantemente.
Polo tanto criar ese foro faise preciso, máis en concordancia coa horizontalidade que se predica aos catro ventos, sen protagonismos nen manipulacións de politic@s e intelectuais, que voltarán estériles as nosas iniciativas e loitas.
Se desexamos criar ese foro social, anticapitalista e non altermundista ou postalertmundista, temos que comezá-la casa polos piares, nas nosas propias localidades, e temos moito que fazer nese senso.
Autoconvocatorias sociais neste senso son desexabeis, mais non unha ” autoconvocatoria” chegada de Compostela de man dunha publicación do Grupo Correo da que Beiras forma parte do Consello de redacción. Autoconvoquemo-nós nas nosas localidades, para logo avanzar cara maiores coordinacións. Sen deixarnos dirixir nen dixerir.

Un do bloco negro
Imagen

Avatar de Usuario
perroviejo
Mensajes: 485
Registrado: 10 Mar 2008, 15:05

A FPG entra ao trapo...

Mensaje por perroviejo » 24 Dic 2008, 10:43

Publico isto aquí polas referencias directas as " posturas ácratas e difusas" que fai o tal Xurxo Martínez.
O texto non ten desperdicio. Velaí vai:

FORO SOCIAL GALEGO E ACTUACIÓN POLÍTICA

1. O éxito do Foro Social Galego (FSG) e algúns debates abertos.

Madia leva! Unha experiencia exitosa dun sector da sociedade que pon en práctica a dialéctica e participa no debate (como ouvinte e relator) para a posta en común das diferentes análises dende ópticas poliédricas, co fin de pensarmos conxuntamente o xeito de resposta ante as problemáticas actuais. Un éxito que os grandes medios de comunicación silencian, un silenciamento reconvertido en censura. Silencio, que asustan as voces da cidadanía que procura respostas, escorados na esquerda, ante a crise do modelo neoliberal e da propia xestión política actual.

O concepto de cidadanía e a expresión desta mesma púxose a debate. Nós non temos que dicir ante as solucións que os gobernos a nivel mundial, estatal e autónomico dan á crise nas súas vertentes (alimentar, enerxética e financeira). O sistema decide porque o sistema outorga o poder do voto ás persoas como dereito individual de catro en catro anos. Vós elixides aos vosos representantes, por que vos laidades agora? Pero ese xogo maquiávelico e maniqueo da instancia política, coa complicidade doutros axentes, é forzosamente discutido por persoas como as que asistimos ao FSG.

Discútese o concepto de instancia política e a súa deturpación por parte dos representantes oficiais, seres alistados nas fileiras do filisteísmo máis pésimo. Porén, o altermundismo tamén foi discutido nunha liña que nega ás organizacións políticas o seu rol na sociedade e a súa actuación social. Destacamos estas dúas ideas para centrarnos no inmediato que lle afecta á reflexión de calquera estrutura política asamblearia.

O Foro Social Galego é o espazo da reflexión. O Foro non debe aspirar a ser unha plataforma política nin debe ser politizada dende aparellos externos que o fan por intereses alleos aos do FSG. O Foro é o lugar de encontro, a escusa para mirarnos as caras, para escoitarnos, para saber que pensan uns e outros, de argumentacións e ideas. O Foro non está obrigado a darlle respostas concretas a cada un dos problemas da sociedade: ecolóxicos, sindicais, feministas… senón que favorece o encontro destas que logo cada organización debe interpretar e concluír. Doutro xeito estaríamos limitando a longo prazo a ágora galega e mesmo poderíamos pór en perigo a súa propia existencia.

Por exemplo, o Foro non é o lugar para buscar a unidade do ecoloxismo galego senón que, a partir das posicións vertidas no Foro, os diferentes colectivos ecoloxistas terán que encontrarse fóra deste para seguir debatendo o alí exposto para acadar os obxectivos que se poidan marcar colectivamente no eido ecolóxico (se o consideraren de tal sorte). Así mesmo, nalgúns dos debates se falou de unidade de acción en determinados eidos pero non se delegou esa tarefa no FSG.

Mais a este Foro as organizacións políticas debemos asistir máis como ouvintes do que relatores. As diferentes forzas políticas temos unha necesidade de atopar as canles de relación coa sociedade tronzadas nas nefastas probas anteriores que serviron de azoute contra os contrarios segundo os intereses políticos de cadaquén.

A desconfianza xerada nos sectores da sociedade máis activa é lexítima e comprensíbel. A base de paos ou de ‘traizóns’, como se chegou a dicir no Foro, alimentouse unha actitude contraria ás organizacións políticas. Un proceso que durou o seu tempo e que pode ser analizado para comprendermos mellor estas posturas. Mais de xeito sintético ten que ver co dito.

Os militantes organizados politicamente precisamos escoitar máis á sociedade activa, aos colectivos sociais que se están movendo na defensa da terra, dos dereitos da muller, da loita sindical ou mesmo dos sectores marxinados. As declaracións deben ser recollidas para unha posterior diagnose segundo os principios ideolóxicos da organización política para non só asumila dentro dun programa electoral senón como parte do programa político. Isto non debe derivar na integración do movemento político nos colectivos sociais, entendido na concepción de hexemonizar os mesmos, para de súpeto ‘politizalos’ e podelos empregar como aguillón contra os adversarios políticos. Esa experiencia ten sido errónea e causa da desidia política dalgúns movementos sociais.

Pola contra, como tamén se puxo a debate no FSG, o movemento social non debe acoller posturas apolíticas, aínda que estas son, repito, moi lóxicas, e menos aínda acolléndose ao altermundismo.

Nos debates varias persoas argumentaron contra o altermundismo como concepto de mundialización da problemática social e reclamaban unha desmundialización destes. A práctica debe ser dende o nacional ao global, comentaron moitos asistentes.

Postas estas dúas ideas, afastarse do apoliticismo e a aposta pola praxe nacional, deseguido temos que repensar sobre tal.
2. O apoliticismo, tamén a debate no FSG.
O apoliticismo remata en posturas ácratas e difusas que son difíciles de asumir por parte da poboación galega. A proba máis determinante é a aceptación, con máis ou menos criticismo, do sistema electoral. A cidadanía mírase eivada dos seus dereitos individuais que son usurpados na votación que conta cun aval de catro anos, catro anos no que os representantes poden optar por flexibilizar as posturas defendidas nos períodos electorais ou mesmo chegar a casos de transfuguismo determinantes nunha gobernanza. Con todo, con todas as pexas que lle queiramos botar enriba, a cidadanía aceptou ese marco.

A protección do sistema político fronte á cidadanía é a propia democracia, carente de todo significado etimolóxico. Cómpre sabelo, é obrigado sabelo para participar criticamente no mesmo.

Para as organizacións políticas a primeira análise é a sociedade pois o suxeito histórico causante e receptor das grandes mudanzas sociais é o pobo e non a nación, como algúns adoitan dicir. Tales teorías son as propias das concepcións liberais que negan a loita de clases como o verdadeiro motor. Por tanto, para unha diagnose certeira cómpre encetar polo pobo, as relacións de clase, os contextos históricos, a natureza do sistema financeiro...

O pobo galego acepta o marco electoral, con maiores ou menores críticas, pero acéptao. Moitos din: votar non serve de nada; todos son iguais, eu xa non voto, ou outras expresións (expresións carentes de discurso político mais non de discurso ideolóxico). Mais cando chega o día da votación son a meirande parte deste grupo os que acaban por concluír: pois eu voto a estes para que non gobernen os outros.

O caso non é saber (pois non é a razón deste escrito) por qué votan aos partidos ou que mecanismos de raciocinio os levan a votar cando negan o propio sistema. O caso é que a maior parte da sociedade acepta o marco electoral.

Durante moitísimos anos o discurso da negación do sistema político permitiu a existencia en determinadas capas sociais ideoloxizadas a negar a participación no mesmo e camiñar cara unha transformación social dende fóra. O gran argumento que sosteñen é que o sistema acaba por engulipar os programas políticos transformadores que rematan por asumir o propio sistema.

Estas teorías, xa discutidas duramente por Lenin naquela obra titulada “O esquerdismo, a doenza infantil do comunismo”, nunha análise da esquerda alemá fragmentada que rexeitaba a participación nos parlamentos burgueses, teñen hoxe en día un outro motivo para seren criticadas.

Refírome á experiencia sudamericana da República Bolivariana de Venezuela, Bolivia, Ecuador, Paraguay... que contaron coa benzón de Cuba. Unha experiencia que abriu un debate da esquerda a nivel mundial e unha reformulación desta.

Se nestes estados se puideron dar avances sobranceiros cara unha democracia participativa, cun aumento do poder de intervención do pobo, de novas constitucións que recollen principios como soberanía alimentar ou enerxética, uns estados que até hai nada foron reos da política dos Estados Unidos, e por tanto, cun aparello de estado moito máis constritivo do que o noso, se foi posíbel, por que en Galiza imos renunciar a esa loita?

Non, non se me esquece un dato crucial que marca unha diferenza radical: a falta de soberanía política. Pero cos mínimos mecanismos competenciais do Estatuto si se pode avanzar cara políticas transformadoras de liberación social e camiñar cara a liberación nacional, como a declaración de Galiza como territorio libre de transxénicos (rexeitada polo Parlamento galego), a aposta pola soberanía alimentar coa recuperación progresiva dos mercados de abastos, o artellamento ferroviario con trens de media distancia no canto do AVE ou a participación pública nos proxectos eólicos como mínimo do 30% como se defendera no primeiro plano da Consellaría que nunca viu a luz pública, ou o 51% que propón a FPG.

Por outro lado parece evidente que non se ten avanzado ren por parte daqueles grupos defensores das teorías antisistémicas.

Neste período histórico a esquerda estase a rearmar ideoloxicamente recuperando con brío principios políticos (nacionalizacións, banca pública…) que até hai nada eran aldraxados polo discurso dominante do sistema neoliberal e levándoos á práctica.

Trala caída do muro de Berlín e do chamado socialismo real, estendeuse unha batería de inxurias contra a esquerda que viviu un proceso de decadencia con mudanzas arriscadas dalgúns movementos cara a socialdemocracia, dando por perdida a política marxista. Ser marxista ou comunista era ser un can. Arestora ninguén pode negar a certeza das análises marxistas pois volven ser explicación para coñecer moitas das causas da crise financeira mundial e xa hai capas da sociedade que se abren ao discurso da esquerda que ataca a inxección de erario público na banca no canto de crear unha banca pública.

Polo tanto de concluírmos que o sistema electoral é asumido por parte do pobo galego, as formacións políticas temos que asumir criticamente esa participación para poder facer dos poderes e estruturas políticas do estado ou da autonomía unha ‘caixa de resonancia’ do programa político transformador, é dicir, do programa revolucionario.

Este esquema é polo tanto resolutivo á hora de rexeitar calquera postura apolítica que algúns colectivos sociais propugnan e que reafirma a necesidade das organizacións políticas. Polo tanto, cómpre a organización política.

Un dos debates foi o altermundismo e a acción global e local. Antes comentamos algo arredor do altermundismo. Centrémonos no segundo aspecto.
3. O marco de acción é a nación galega.
A crise mundial afecta ás diferentes camadas populares de distintos estados. Esta problemática debe ser contestada de xeito global na propulsión dun novo sistema que rasgue co capitalismo e abogue por un outro máis xusto socialmente, máis igualitario e respectuoso coa soberanía dos pobos ou co medio ambiente.

Mais para acadar unha resposta global que sexa útil debemos partir da nosa realidade, neste caso a galega. Por iso, se o Foro Social Mundial (FSM) promove políticas e posturas que respondan ás problemáticas mundiais, o Foro Social Galego debe favorecer a unha praxe galega daquelas. É dende a nosa experiencia como podemos levar ao mundo unha postura de noso que enriqueza ao FSM. De feito, unha das propostas que se sacou no Foro galego foi a inclusión do pobo cigano dentro dos organismos do FSM.

O noso marco de actuación é a nación galega. Recoñecer a nación galega non é contradicir ningún aspecto do internacionalismo ou da solidariedade. Cando algún discurso difunde os egoísmos dos nacionalismos de esquerda só está sendo unha parte da engranaxe do discurso liberal do sistema que chega a calar nalgunhas capas sociais. Mesmo un dos graves erros da sociedade é asumir os principios e valores do neoliberalismo como se as diferenzas sociais non existisen, como se os condicionamentos sociais non fosen ren, como se realmente todos fósemos iguais. O nacionalismo de práctica marxista é incompatíbel con calquera caste de individualismo.

Pero por que indicamos este marco? Porque nel existen uns trazos socioeconómicos e culturais que o caracterizan e que só na análise deste se pode acertar nas conclusións. Cales trazos? Pois os da clase obreira (salarios, IPC galego, sectores laborais dominantes…), os do agro ( alta produción leiteira, porcentaxe de poboación rural…), os poboacionais (pirámide poboacional envellecida, dispersión, emigración e inmigración…), os ecolóxicos (produción eólica, zona de especial protección costeira fronte aos petroleiros…) e outros tantos que se poderían enunciar.

A análise céntrase en Galiza e no pobo galego. Actuando neste marco nacional podemos espandir os principios sociais que defende o FSM cunha actuación inmediata e concreta. Moitas persoas reclaman medidas reais, isto é, que elas poidan observar como tales, que lles reporten algún cambio e que se sintan partícipes dos mesmos.

A actuación nacional é unha compoñente máis da alternativa ao sistema neoliberal. Neste recuncho fisterrá contamos con importantes e senlleiros persoeiros que participan en organismos internacionais (Vía Campesiña, SOS Dereito á Enerxía, Marcha Mundial das Mulleres ou do propio FSM). Isto que implica? Que a nosa actividade terá voz sempre a nivel internacional alén de situar a nación galega coma unha voz inxente do movemento mundial.

Parece que non fai falla enlearnos na indiscutíbel acción nacional para poder expresala cara a global.

Pasemos ao último aspecto e de maior controversia. A relación entre o movemento social e a organización política: como se estabelece o diálogo entre elas? Quen é protagonista da acción social? De que xeito se artella a mobilización social coa instancia política?
4. A relación entre o movemento social e as forzas políticas.
Segundo o que levamos dito a defensa da mobilización social vencellada ás forzas políticas é evidente. Teñen que existir forzas políticas que, baixo un discurso ideolóxico achegado aos defendidos polos entes sociais, marque a actuación política e empregue as institucións como foro social á par da actividade propia das mesmas. A relación entre o movemento social e as institucións como o Parlamento ten que estar dada por forzas políticas. Esta é a relación que se defende, poñendo sempre a debate o concepto de instancia política entendida hoxe en día e instaurada polos partidos asimilados polo sistema. Se unha forza política esquece que o sistema actual é o que cómpre modificar, remata por ser un sucedáneo deste. Este principio non pode ser rebaixado nin negociado.

Nós apostamos por esta relación sociopolítica: a mobilización e as forzas políticas que leven as reivindicacións ás institucións co fin de interceder.

Mais, de aceptarmos a necesidade desa forza política, como se enxendra? Cal é a xénese?

A experiencia en Bolivia é un exemplo: a través do movemento social e indixenista se ergue unha alternativa política, é dicir, dende o movemento social coa participación dos movementos políticos. Outros estados do mesmo continente seguiron esa estratexia. Non ten por que ser a panacea.

En Galiza, cal é a nosa estratexia e táctica?

O movemento social debe recuperar a confianza na acción política. As forzas políticas debemos tender as canles de comunicación co movemento social. Deste traballo conxunto deben xurdir as propostas e conxunción dunha actuación común.

Nestes intres, o nacionalismo unionista fixo unha renuncia do movemento social apostando por outras liñas, respectábeis e lexítimas se foron así recollidas e aprobadas pola militancia, que non sempre está representada por enteiro a traves da delegación. A política do BNG é moi lexítima pois igual de lexítima é a discrepancia doutros sectores, fóra ou dentro da fronte.

Mírase logo unha orfandade política da mobilización social.

Por iso, neste período histórico faise urxente a creación dunha aposta pola recuperación dun espazo político, nacionalista e de esquerdas, que poña en primeiro plano a acción e o movemento social e que sexa a voz do mesmo nas estruturas políticas correspondentes. Mais este espazo debe ser ocupado por forzas políticas renovadas e con axentes novos que permitan dar un chimpo cualitativo e cuantitativo que xeren un impacto en positivo no pobo galego. Os experimentos de unidade que se deron até hoxe foron un fracaso por mor das atávicas diverxencias internas entre diferentes sectores que non acaban por atopar fíos condutores fiábeis, sólidos e responsábeis. Esa falta de confianza esgaza calquera novo intento por ese vieiro con aqueles sectores.

Xurdiron novas forzas políticas a partir das condicións xeradas no nacionalismo e no sindicalismo. O encontro destas forzas fíxose latente no común discurso político e ideolóxico, que se reforzou con posturas comúns que chegaron a empatar e co encontro en diferentes espazos onde se puido visualizar o dito. Isto solidificou a confianza entre estes sectores políticos que deixaron atrás calquera caste de discrepancias e que permiten divisar unha proxección política sobranceira.

Atopámonos logo nunha acumulación de forzas, un sumar continuo que permita saír á rúa para chantar un programa político, económico e social, co reforzo do movemento social que participará directamente do mesmo, que sexa quen de aguantar os primeiros embates que lle chegarán dende diferentes aparatos enfuciñados en impedir a necesaria solidez daquel. Se se terma e resiste aos primeiros golpes, a nova alternativa xa será imparábel como son as ideas que defendemos.

http://www.frentepopulargalega.org/inde ... 8&Itemid=1

Se alguén quere debater isto do FSGal, podemos fazé-lo aquí, en reganosademolizon.org e máis en galiza.indymedia.org
Imagen

Responder