III Roteiro Antiespeculativo en Vigo o 15/11/08

Galiza-Portugal, País Leonés (Llión, Zamora, Salamanca), Extremadura, Miranda.

Convocatorias Occidente
Responder
Avatar de Usuario
lps
Mensajes: 151
Registrado: 27 Abr 2006, 14:06

III Roteiro Antiespeculativo en Vigo o 15/11/08

Mensaje por lps » 06 Nov 2008, 19:38

Imagen
O sábado 15 de novembro quedamos ás 17h nas ruinas do edificio Bandeira (cruce Jenaro de La Fuente e Aragón).

Desta vez percorreremos as rúas próximas ao Calvario, nunha comparsa festiva e reivindicativa para sinalar e denunciar a especulación, vivendas abandoadas, etc.

Posteriormente ás 19h proxectaremos o documental "A cidade perdida" no LS Faísca r/Toledo,9 (trala igrexa dos picos)


Manifesto:

NA PROCURA DA CIDADE PERDIDA

“Espaciar non é urbanizar, non é facer topografía do que se pode encher con cidadáns-clientes, senón o que pode facer unha asemblea de corpos que se dan cita”

Manifesto da cidade desobediente

Cando as condicións materiais de existencia son negadas pola realidade económica entón a ideoloxía dominante fala de crise. Os signos de tal acontecemento se remontan á fin da burbulla inmobiliaria no 2007 para despois estenderse en forma de mancha de aceite a outros sectores que se crían a salvo, en concreto aqueles asociados ao consumo desorbitado de combustíbeis fósiles.

Porén, nada é casual nas sociedades sometidas ao capitalismo rampante. Menos aínda a cuestión do territorio e os seus máis variados usos. A relación íntima entre crecemento urbano e mercado alcanza neste punto proporcións verdadeiramente dramáticas da man da privatización do solo. En efecto, a organización do territorio é a organización da economía.

Neste sentido entendemos que non pode ser tratado como un asunto menor o da apropiación do solo, toda vez que a ausencia dunha memoria colectiva de lugares, barrios e parroquias facilita a súa reconversión segundo os gustos predominantes de cada época. Así o tamaño revela a importancia da obra. Como resultado padecemos un efecto sicolóxico paralizante –un shock- froito do impacto visual, anticipando a transformación radical do entorno sen achar outra oposición que a impotencia.

Os dispositivos que fan posíbel o afianzamento de dita reconversión urbana precisan de categorías facilmente asimilábeis. De aí a proliferación de infraestruturas viarias, polígonos industriais, áreas comerciais ou equipamentos dotacionais lugares comúns das políticas municipais en materia de progreso e benestar. Basta con mirar arredor para convencernos disto. Alí onde alcanza a vista só achamos degradación, consumismo e neurose en tanto que estilo de vida moderno.

Este roteiro presenta como novidade respecto aos anteriores o feito de adentrármonos nas terras do antigo concello de Lavadores, en concreto en barrios cunha forte identidade de seu. Riomao, O Pino, San Lorenzo, Canadelo onde aínda perviven os restos daquela memoria semirural entrelazados coa caótica trama urbana local nada ao abeiro do modelo desarrollista de finais do século pasado. Mais as relacións de poder trasladadas a un ámbito específico como pode ser o urbanismo tenden, por forza, a se reproducir ao longo do tempo.

Un roteiro que principia nas desaparecidas Bodegas Bandeira, edificio chamado a ocupar un lugar preferente no reordenamento espacial de O Calvario a teor do convido no Plan de Edificios a Conservar que prevé unha futura área comercial da cadea Supercor, ninguneando a alternativa veciñal a favor de levantar un centro de carácter cultural. De igual modo, aproveitando a moda das humanizacións Jenaro de la Fuente será radicalmente transformada pola construción dun estacionamento subterráneo. Un suculento bocado para o Concello e as construtoras. Así o confort dos peóns tamén é un asunto de rendabilidade económica. De seguido, enlazaremos coa parte baixa de Riomao, un conxunto arquitectónico definido por casas unifamiliares ou edificios cun máximo de tres andares, agora aillado e empobrecido que verá a súa extinción pasto da maquinaria pesada a non tardar como consecuencia da especulación salvaxe. En canto a O Pino e San Lorenzo desposuídos case por completo da súa esencia tralo deseño do nudo de Isaac Peral, agora se ven forzados a unha clandestinidade non desexada como patio traseiro dunha insalubre Travesía de Vigo. Nomeadamente dramática é a situación de Canadelo. Alí constataremos sobre o terreo a devastadora pegada que a AP-9 e as vías de RENFE teñen sobre as comunidades humanas asentadas e as secuelas que produce a xestión capitalista da mobilidade nas sociedades desenvolvidas.

En suma, baixo o deterioro e a suciedade xeral da urbe moderna, as ruínas da cidade perdida se revelan ao noso paso.

Desde Precarias en Loita apostamos por unha serie de medidas encamiñadas a paliar esta situación:

1. Limitación do prezo dos alugueres e do prezo dos pisos, de modo que non teñamos que pagar en ningún caso máis do 30% da nosa renda polo aluguer ou a hipoteca.

2. Anulación do PXOM, feito sen participación real da veciñanza e que só atende aos intereses de grandes multinacionais como Citroën ou de capitais especuladores inmobiliarios.
Paralización dos plans de crecemento urbano até que non sexa socialmente necesario a construción de novas vivendas.

3. Reforma de la "Ley de Arrendamientos Urbanos" (LAU) dado que nos opoñemos a: os aumentos ilimitados dos alugueres, a facilidade actual de desafiuzamento por impago, etc.

4. Medidas que garantan a efectiva transparencia dos Rexistros da Propiedade, por exemplo, a obriga de informar a todas as partes implicadas na venda dunha leira ou dun piso.

5. A penalización dos inmóbeis baleiros, sen utilizar ou abandonados (mediante o aumento do IBI, a ameaza de expropiación ou a cesión forzosa) e a despenalización da okupación.

6. A prohibición de venda de solo público.

7. A tipificación das prácticas de acoso inmobiliario como vulneración do dereito á vivenda e a súa erradicación.

8. A paralización do Plan do Porto (aterramentos, etc) e a anulación de calquera agresión á ría e á costa.

9. O respecto á diversidade territorial de Vigo.e Protección das zonas rurais fronte ao crecemento urbano descontrolado.

10. Creación de verdadeiros espazos sociais públicos autoxestionados pola propia cidadanía.

Precarias en Loita
http://precarias.arkipelagos.net/
Gasto Militar para o 2010: 23.115,03 millóns de euros. O que fai un 12,47 % dos Orzamentos Xerais do Estado.

Avatar de Usuario
lps
Mensajes: 151
Registrado: 27 Abr 2006, 14:06

Crónica e Fotos

Mensaje por lps » 18 Nov 2008, 14:12

Imagen
Imagen
Imagen
Imagen
Imagen
Imagen
Imagen

Esta fin de semana un grupo de 30 persoas convocadas por Precarias en Loita percorremos algunhas rúas que as veces semellan esquecidas para a maior parte das viguesas.

Comezamos o roteiro coas ruinas do edificio Bandeira (cruce Aragón con Jenaro de la Fuente) que albergou unhas importantes bodegas que na actualidade parece estar á espera do seu derribo.

Continuamos polo contorno das rúas Vizacaia e Asturias onde conviven desordenadamente vivendas dos anos 20, do desarrollismo dos anos 60 e 70 e de nova construción, así ata chegar á Travesía de Vigo que atravesamos para chegar á rúa Pino e dende alí ao nudo de Isaac Peral no que se pode observar a fenda que a AP-9 e as vías do tren fixeron no barrio de Canadelo.

Ata eses momento o percorrido estaba cheo de espazos onde podías dende chegar a ver a ría a atopar unha pequena horta entre edificios ou calquera outra sorpresa. Logo para finalizar chegamos a Canadelo baixo e cruzamos por enriba das vías do tren e da AP-9 para retornar ao edificio Bandeira a camiñando polo entorno de Fátima.

Unha última parada foi nas obras do parking de Jenaro de la Fuente onde aproveitamos para denunciar o modelo de cidade proposto pola clase política viguesa.

Durante todo o percorrido, puidemos ver gran cantidade de antigas vivendas unifamilaires hoxe abandoadas e agardando para ser substituidas por edificios novos.

Guión do Roteiro:
BODEGAS BANDEIRA: Derradeiro exemplo de arquitectura industrial nun barrio de natureza proletaria, sobrevivíu no tempo a outras industrias de sona como a de folla de lata na rúa Sagunto caracterizada polo seu estilo racionalista. Bodegas Bandeira foi construida a finais da década dos trinta do século pasado por mediación do empresario portugués Joaquim Bandeira Pires, daquela producía Zinzano e viño de O Porto.

Dende 1982 tanto a infraestructura como a producción trasládanse ao concello de O Porriño até o seu peche definitivo a finais da década. Para 1986 o edificio está en completo abandono. No obstante os planes de recalificación da familia Bandeira o edificio é catalogado a conservar grazas ao Plan Especial de Protección de Edificios, Conxuntos e Elementos a Conservar en 1990. Pero en 2004 presentouse un proxecto para a construcción dunha grande área comercial cun total de 1300 metros cadrados repartidos entre un Supercor, salas de cine e un estacionamento para automóbiles. Todo isto de costas aos propios veciños mais interesados en darlle un uso sociocultural que revitalizase o espazo en concreto e o barrio en xeral.

A promotora da obra é Iglepor, de sobra coñecida en concellos de grande afluencia turística como Nigrán ou Biaona. O susodito grupo Iglepor está formado a súa vez por unha treintena de pequenas empresas do sector da construcción (forxado, eléctricas, fontaneiría, aluminio, etc) asentadas ao longo da sur da provincia de Pontevedra. Na primavera deste ano Iglepor saltou á palestra por un escándalo relacionado cun asunto de drogas grazas á detención do seu xerente Carlos Rocha Portela testaferro do narcotaficante Juan Carlos González Martín alias “Culebra”.

RÚAS BISCAIA E NUMANCIA: Podemos observar o conxunto arquitectónico definido por edificios de dous ou como máximo tres andares, a maior parte deles da década dos 50 construidos sempre en pedra, pero atopamos edificacións anteriores, dos anos 30 incluso, pero son as menos. A excusa para que estean en tan mal estado é o escaso valor arquitectónico das vivendas segundo a opinión dos especialistas, razón que valería por exemplo para un edificio ubicado á man dereita que racha completamente coa uniformidade do entorno .

Cómpre deterse un momento á altura da 4ª Travesía de Numancia para ollar un descampado, memoria do que foi o barrio en tempos non moi lonxanos estas rúas. Tamén queremos insistir que existen outras travesías, agora abandonadas a súa sorte, camiños comúns que daban a vivendas hoxe empregadas por persoas empobrecidas para actividades ditas ilegais (durmir, picarse, etc).

TRAVESÍA DE VIGO, RÚA PINO E SAN LORENZO: A Travesía racha violentamente coa idea de barrio da que estamos a falar para abrir unha cicatriz na cidade definida polo desorbitado número de colmeas humanas, o hacinamento das persoas e á polución motivada polo intenso tráfico motorizado.

A parte alta da rúa do Pino ven definida polo feismo propio dos edificios dos anos 70/80 do século pasado –en plena era dourada do desarrollismo no barrio- pero sobre todo pola Igrexa de Fátima, mamotreto inútil só comparabel a un hospital de igual nome en mans privadas.

No cruce entre as rúas O Pino/Levante/Párroco José Otero existe un edificio que debería ser motivo de escándalo se o comparamos co que está ao seu carón, adefesio onde os haxa, e modelo do que non se debe facer en materia de vivenda.

Un pouco mais abaixo atopamos un descampado, un “mirador” á Ría agora limpo e debrozado polas brigadillas do Concello. Seguindo a pendente noutra Travesía –das tantes que existen por estas rúas- existe unha sorpresa agochada ás miradas curiosas, casiñas con hortas que dan fe dun barrio extinguido hai non moito.

No cruce entre O Pino/Numancia baixamos cara San Lorenzo, pero antes facemos unha pequena parada para mirar no interior dunha casa abandoada a súa sorte que nos permite facernos unha lixeira idea de cómo eran as vivendas en San Lorenzo antes da súa destrucción.

San Lorenzo é o mellor exemplo en todo Vigo para entender cómo as infraestructuras viarias (nudo de Isaac Peral, camiños de ferro e autopista AP-9) poden estragar formas de vida, saberes e comunidades humanas en nome do progreso capitalista. O efectos son obvios a simples vista (polución acústica e ambiental, inseguridade peonil, suciedade, etc) aos que se suman os continuos aterramentos para uso exclusivo do transporte marítimo en Guixar, peirao que en tempos da II República acollía boa parte da flota de “vapores besugueros” de Vigo.

RÚA CANADELO BAIXO E ALTO: Antes de acceder cara Canadelo podemos disfrutar dunha magnífica panóramica da Ría, en sentido negativo. Á vista están os silos da cementeira Tudela-Veguín, a chatarra e os containers, negando mais unha vez a vaibilidade do proxecto intitulado “Abrir Vigo al mar”.

Canadelo baixo fica en parte oculta da trama urbana, feito que lle permitíu manter durante estes anos características propias, casas antigas con hortas que ainda se cultivan. Chama a atención unha vivenda semellante a un torreón onde a simples vista se apreza un reloxio de sol que nos fai viaxar no tempo cun pouco de imaxinación. En certa maneira esta parte de Canadelo conforma un interregno atravesado pola AP-9, ao punto de ser devorado pola mesma. Os muros de contención da autopista son a mellor fotografía posibel.

O paso entre Canadelo baixo e alto é un cenario perfecto para comprender os males do progreso e as formas nas que se manifesta. Unha ponte en estado calamitoso atravesa primeiro a autopista para despois sobrevoar as vías da estación de RENFE, dando unha idea da devastación que supuxeron ambas obras para a vida e a economía das xentes aveciñadas aquí. Outra panorámica, agora non só da Ría senon tamén de parte da cidade, permite ollar detenidamente o caos urbanístico en que se convertíu Vigo pero tamén a outra parte da ría por imitación: O Morrazo. Aí están as torres do Clube Financiero, as torres de Padín ou o abigarrado tecido urbano sen rastro de espazos libres por ningures.

Chegando a Canadelo alto chama a atención un tunel que vai dar á parte traseira do Hospital de Fátima, acaso mais propio de calquera película de terror ou non que dunha urbe moderna. Na subida até O Pino resalta o contraste entre os edificios novos, case todos idénticos na súa fealdade e amoreados ao chou, e os restos das vivendas unifamiliares que se resisten a ser devoradas pola especulación sen deixar memoria da súa presenza. Para chegar a Jenaro de la Fuente hai que pasar pola rúa do Rosario, un antigo camiño entre campos covertido agora nun funil sen beirarúas, sen luz, húmido e suxo.

RÚA JENARO DE LA FUENTE: Dende a rúa do Rosario temos unha magnífica vista de Jenaro e o primeiro tramo da Travesía de Vigo, agora en obras para un futuro estacionamento subterráneo –un dos cinco en marcha en toda a cidade-. O reordenamento urbano da zona, camuflado baixo o nome de humanización pretende privatizar o solo ben en superficie ben baixo terra, tal como se recolle no PXOM. Revitalizar a economía pasa por revitalizar a construcción sexa ao prezo que sexa. Como se pode comprobar toda a zona está sometida a un intenso tráfico rodado, elemento común a todas ás rúas percorridas ao longo deste roteiro e un dos grandes males da cidade. Nada indica futuras solucións para este problema, pola contra constatamos un repunte dos atascos, ruidos e carreiras ademais doutros malos hábitos propios dos condutores.

3ª TRAVESÍA DE NUMANCIA: Para ir finalizando este roteiro entramos de cheo nun non-lugar, nun territorio deixado das mans de deus que moitos lembramos vivo e alegre. Un lugar digno como todos os que hoxe puidemos descubri ren compañía. Trala urbanización de Jenaro nos anos 90 do pasado século, esta Travesía quedou aillada, pasto da pobreza mais absoluta que a non tardar mudará baixo unha marea de formigón. El Corazón del Sapo emprega unha metáfora que paga a pena traer hoxe acó: “la fabela desnuda, frente a los rascacielos que hacen bella la locura, la fabela desnuda, cuna y fin”.
Gasto Militar para o 2010: 23.115,03 millóns de euros. O que fai un 12,47 % dos Orzamentos Xerais do Estado.

Responder